Para conmemorar o 35 aniversario da súa asociación cultural, o grupo "Os xeitosos de Trazo" celebrou o pasado sábado 13 de decembro unha gala solidaria na que recolleron alimentos para o Banco de Alimentos de Santiago.
Lucas, Tomás e Carlos, de secundaria, e moitas xeitosiñas e xeitosiños de primaria participaron nesta gala, amosando así que a tradición continúa e que a canteira da asociación está asegurada.
Esa tarde respirábase un ambiente moi íntimo, cheo de sorpresas e discursos emotivos. Para algunhas persoas, lembranzas de anos e para outras foi un momento de descubrimentos. Para tod@s unha gran ledicia e ilusión compartidas.
Preguntámoslle a Lucas como xurdiu a idea de facer unha gala solidaria, e isto é a resposta que nos remitiu:
- Como xurdiu a idea de facer unha gala benéfica?
- A idea de facer unha gala benéfica foi xuntando dúas ideas: Primeiro, pensárase e falárase de facer algo para axudar, pero aí quedou a cousa. E despois, preparando a gala para celebrar o 35 aniversario, volveu a xurdir a idea de facer algo solidario. Unha persoa das que organizaban (xa que todo isto era ás costas de Moncho, o presidente da asociación) propuxo facer unha recollida de xoguetes. A idea gustou moito, pero decidiron facer a recollida de alimentos porque pareceu que sería máis doada a participación da xente. Despois, puxéronse en contacto cós Servizos Sociais do concello para ter orientación e información e para saber se algunha familia do concello precisaba axuda. Respondéronlles que as necesidades deste tipo están cubertas pola Cruz Vermella e orientáronnos cara o Banco de Alimentos de Santiago, que teñen moitísimas familias sen recursos.
- A experiencia foi boa?
- Posto que todo isto o escribo coa axuda do que máis traballou do grupo, cóntovos o que el me dixo: "Para min foi unha experiencia boísima e creo que para todos foi unha gala que non esqueceremos en moito tempo. Eu por min repetía".
Os Xeitosos din humildemente que “querían darlle unha sorpresa a Moncho”, pero poderían telo feito de moitos xeitos diferentes e elixiron facer unha recollida de alimentos. Isto di moito da súa sensibilidade e compromiso tanto social como cultural.
Aplaudimos a solidariedade d@s Xeitos@s e desexamos que a esta primeira gala lle sigan máis iniciativas solidarias e que continúen alegrándonos coa súa música.
Ningún comentario:
Publicar un comentario