Onte, 25 de Novembro, fixemos nas aulas de Lingua Castelá e literatura e tamén de Inglés, unha actividade sobre a violencia machista. Analizamos conversas de whatsapp entre parellas de adolescentes coma nós buscando comportamentos inadecuados. Se estes son constantes e repetidos no tempo poden considerarse o chamado maltrato psicolóxico. Parécenos moi ben que se fagan este tipo de actividades nas clases porque así podemos aprender que hai que estar atentos e atentas ao tipo de relacións que temos, que poden parecer normais, pero non o son, pode parecer amor, pero non o é.
Hai persoas que controlan, dominan, manipulan e se obsesionan coas súas parellas. Pódense dar mostras de amor, pero hai que poñer límites. Cada un ten dereito a facer o que queira facer, sen que a súa parella teña que intervir para chantaxealo emocionalmente, e o peor é cando isto está a suceder e ti non te das conta ou non te queres dar conta. Estas situacións de maltrato psicolóxico son máis habituais do que pensamos.
Tes unha idea falsa do amor se este inclúe controlar, dominar, manipular e chantaxear. Non tes dereito a facelo. Non está ben. Unha relación así non é unha relación sana. A xente que fai esas cousas ten un problema que debería solucionar para poder vivir unha relación sana nun futuro.
Se chegas a ter unha relación deste estilo, pensamos que é mellor deixar a esta persoa. É mellor estar só ou soa a ter estes problemas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario